Baixo o nome de SUSVINPRO, persoal docente e investigador de Enxeñaría Agraria da Facultade de Ciencias do campus de Ourense está a desenvolver un proxecto estatal de mellora da sostibilidade de viñedos en Europa. Desde o pasado ano e ata 2025, avanzará nos sistemas de alertas de pragas e nos cultivos de cobertura, creando unha estación de alerta de posibles infeccións fúnxicas en dúas áreas bioclimáticas europeas.
O proxecto, que leva por título Sostibilidade da produción de viñedo: redución de insumos externos, incremento da biodiversidade do solo e mellora do desenvolvemento do cultivo, está financiado con 164.560 euros pola convocatoria para proxectos de I+D+i Retos, do Ministerio de Ciencia e Innovación. Está liderado polos investigadores do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Universidade de Vigo David Fernández Calviño e Francisco Javier Rodríguez Rajo e dá continuidade á liña de investigación da Área de Edafoloxía e Química Agrícola no eido da sostibilidade agrícola e de xestión dos solos. “No ránking de Shanghai por materias, referente no seu eido, as titulacións e a investigación que se realiza arredor dos nosos graos de Enxeñaría Agraria, Ciencias Ambientais e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, sitúanse entre as 500 mellores do mundo, algo que é excepcional. SUSVINPRO é un exemplo máis dos moitos e destacados proxectos de investigación que desenvolvemos desde este centro con financiamento autonómico, estatal ou internacional”, comenta Rodríguez Rajo, decano tamén da Facultade de Ciencias.